Oia

Homenaxe a Gabriel Rodríguez polos seus 35 anos como director da Banda de Mougás

O Concello de Oia e a Banda Unión Musical de Mougás renderon homenaxe a Gabriel Rodríguez no marco do tradicional Concerto de Nadal de Santa Uxía, coincidindo coa festividade da patroa da parroquia. O acto serviu para recoñecer os 35 anos de traxectoria do director á fronte da agrupación, nunha xornada cargada de música e emoción que reuniu veciñanza, familias e representantes institucionais.

Tras a interpretación das primeiras pezas do concerto, Gabriel Rodríguez dirixiuse ao público para agradecer o apoio recibido ao longo destes anos, nun momento especialmente significativo ao tratarse do seu último concerto como director. O programa incluíu tamén varias composicións propias, como Isabel Rodríguez Portela, dedicada á súa nai, Vamos de parranda e Mágoas e ledicias, obras moi ligadas á identidade da banda.

O momento central da homenaxe chegou coa intervención de Lucía Conde, sobriña do director e membro da agrupación, quen destacou a súa traxectoria vital e musical desde os seus inicios con só sete anos. En nome da banda fíxoselle entrega dun detalle, que foi entregado polo seu fillo, antigo compoñente da formación.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, puxo en valor o legado cultural de Gabriel Rodríguez como director, compositor e docente, sinalando que non se trataba dunha despedida, senón dun recoñecemento público a unha traxectoria exemplar. O acto pechouse coas palabras do homenaxeado, que agradeceu á banda, á súa familia e á veciñanza todo o vivido, deixando claro que o seu vínculo coa música e coa Banda de Mougás permanecerá sempre vivo.