Un banco de peixes feitos con refugallo enche o Auditorio de Nigrán
O Auditorio Municipal de Nigrán acolle ata o 28 de febreiro unha exposición formada por un banco de peixes creados con materiais de refugallo. A obra é do trío artístico Retoque Retro, autores do coñecido cachalote Balmi instalado en Praia América no 2020 para concienciar sobre o lixo mariño. A mostra pode visitarse polas mañás de luns a venres e tamén nas fins de semana con programación cultural.
Inspirados na tradición galega de ir ás crebas, cando se recollían restos devoltos polo mar para reutilizalos, os artistas lembran que hoxe en día o océano xa non trae madeiras nin obxectos de naufraxios, senón plásticos e desperdicios. Con esa idea, Isabel García, Javier Serantes e Ana Lee deron vida a vinte esculturas mariñas elaboradas con residuos, entre elas centola do Grove, bonito de Burela, percebes do Roncudo, peixe sapo, manta raia, faneca brava, san martiño, tartaruga boba, golfiño ou corvo mariño cristado.
“Ao ritmo actual de usar e tirar, en 2025 haberá máis lixo ca peixes no mar”, advirten desde Retoque Retro e o Concello, que convidan á reflexión a través desta intervención artística.
