Baiona celebra el décimo aniversario de la declaración de la Arribada como fiesta de interés turístico internacional
Baiona conmemorou onte na Capitanía Marítima o décimo aniversario da declaración da Festa da Arribada como Festa de Interese Turístico Internacional, recoñecemento que chegou cinco anos despois de acadar a distinción de Festa de Interese Turístico Nacional. O alcalde de Baiona celebrou este fito salientando “a importancia que a Arribada ten para o pobo” e a “extraordinaria rapidez” coa que se conseguiu a máxima catalogación turística. Ademais, anunciou que durante a edición do vindeiro ano se realizarán homenaxes especiais ás persoas que fixeron posible este logro.
O acto, presentado pola concelleira de Turismo Seyla González, contou coa presenza de numerosos veciños, asociacións e representantes institucionais, entre eles Romina Fernández, responsable de Turismo Rías Baixas e enviada da Deputación de Pontevedra, e o exalcalde Ángel Rodal, que puxo en valor a historia da vila e o traballo de equipo que permitiu acadar o recoñecemento internacional.
Un dos momentos máis emotivos da xornada protagonizouno a veciña Ramona Marcote, pioneira da celebración, que lembrou con emoción os primeiros anos da Arribada, cando traballou arreo na confección dos traxes da época de 1493, aqueles primeiros vestiarios históricos que deron identidade ás primeiras edicións. Asegurou sentirse “moi orgullosa de todo o que fixen, moi feliz, e repetiría todo unha e mil veces”. Mostrou tamén unha fotografía premiada cun traxe confeccionado por ela mesma e recordou con agarimo a moitas persoas que xa non están e ás que tamén tivo o pracer de vestir. Compartiu ademais como na súa casa se vive cada ano esta festa tan especial.
Tamén tomou a palabra Chema Lamas, que falou do que significa para el esta celebración, ataviado como Martín Alonso Pinzón. Rememorou os primeiros pasos da festa, cando un grupo de estudantes e profesores da vila deu inicio ao que hoxe é un dos eventos históricos máis importantes de Galicia, entre eles o propio Lamas, xa daquela vestido cun traxe inspirado na indumentaria de finais do século XV. Recitou varios versos da interpretación teatral que cada ano se representa na praia, obra de Avelino Sierra.
Pola súa banda, Romina Fernández, en representación da Deputación e Turismo Rías Baixas, reivindicou o enorme esforzo que supón organizar un evento desta magnitude e expresou o orgullo que sente toda a provincia por unha celebración que atrae visitantes e dinamiza o turismo.
Como invitada especial interveu tamén Sonia Rial, técnica de Turismo do Concello de Baiona, que desde 1995 traballa directamente na organización da Arribada. Recordou cun sorriso como, ao vestirse por primeira vez coa indumentaria de 1493, os veciños se paraban para facerse fotos con ela. Afirmou que a Arribada é para ela “un traballo, pero tamén un enorme pracer”, e confesou sentirse “moi baionesa”, malia non ter nacido na vila.
