Gondomar

Gondomar esixe á Xunta a substitución urxente da praza de pediatría no Centro de Saúde

Máis de 1.100 nenos e nenas levan case un mes sen pediatra mentres as familias se ven obrigadas a desprazarse a outros municipios.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, alzou a voz ante o que cualifica como unha situación “insostible e contraria ao dereito da veciñanza a unha sanidade pública de proximidade”. Nun escrito remitido á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, o rexedor reclama a substitución inmediata da pediatra titular do Centro de Saúde, de baixa laboral desde o pasado 20 de outubro.

A ausencia deste servizo deixou sen atención directa a máis de 1.100 menores do municipio, que desde entón deben acudir a consultas noutros concellos do Val Miñor ou mesmo en Vigo. O problema, segundo advirte Ferreira, está a provocar ademais unha sobrecarga asistencial nos centros de Nigrán e Baiona, co consecuente prexuízo tanto para as familias como para o persoal sanitario.

“Non é admisible que máis dun milleiro de nenos e nenas permanezan sen pediatra durante semanas. A Xunta debe actuar con responsabilidade e garantir este servizo esencial”, declarou o alcalde.

Na súa misiva, o Concello de Gondomar tamén solicita que o Sergas adopte medidas estruturais para reforzar de maneira estable o persoal sanitario do municipio, que —segundo denuncia o goberno local— “arrastra carencias desde hai tempo e ve afectada a calidade asistencial”.

Ferreira lembra que o Centro de Saúde de Gondomar atende unha poboación en crecemento e que a falta de persoal médico é un problema “recurrente que require solucións de fondo, non parches temporais”.