O Concello de Nigrán enche o salón de plenos nunha charla da Garda Civil para previr estafas a persoas maiores
O Salón de Plenos do Concello de Nigrán quedou pequeno esta mañá para acoller a charla do programa ‘Plan Mayor Seguridad’, unha iniciativa da Guardia Civil dirixida a ofrecer consellos e pautas prácticas para previr estafas, roubos e outros delitos que adoitan afectar ás persoas maiores.
A sesión estivo impartida pola gardia civil María Luísa Cajide, especialista en seguridade cidadá, e contou coa presenza do tenente-comandante do posto principal Baiona-Nigrán, Diego de la Puente, o xefe da Policía Local de Nigrán, Teodoro de la Peña, e o alcalde, Juan González, quen destacou a importancia de manter informada a veciñanza máis vulnerable fronte a este tipo de delitos.
Durante a conferencia abordáronse casos reais e situacións cotiás: chamadas falsas, enganos por internet, roubos en caixeiros automáticos ou distraccións na rúa para subtraer pertenzas. Cajide explicou con exemplos sinxelos como recoñecer os intentos de fraude e actuar con prudencia ante situacións sospeitosas, animando aos maiores a avisar sempre ás forzas de seguridade.
A charla, que espertou gran interese entre o público asistente, forma parte da estratexia de prevención que a Guardia Civil desenvolve en colaboración cos concellos para reducir o impacto da delincuencia entre as persoas maiores. “A mellor defensa é a información”, subliñou a axente.
Desde o Concello, o alcalde Juan González avanzou que se seguirán promovendo accións formativas deste tipo co obxectivo de reforzar a seguridade cidadá e fomentar a confianza entre os veciños e os corpos de seguridade.
