BaionaGondomarNigranTomiñoVigo

A suba da taxa do lixo desata a polémica pola falta de coherencia política entre os partidos

A polémica pola suba da taxa do lixo segue aberta no Val Miñor e no Baixo Miño, logo de que varios concellos anunciaran incrementos nos últimos meses para facer fronte ao aumento do canon de Sogama e ás novas esixencias da Directiva Europea sobre residuos.

Actualmente, unha vivenda unifamiliar paga 123 euros anuais en Vigo, 120 en Tomiño, 95 en Baiona e Gondomar, e 78 en Nigrán, aínda que neste último caso o Concello podería revisar a tarifa nos próximos meses, en liña coas subas xa aplicadas en Baiona e Gondomar.

A última modificación proposta polo goberno socialista de Gondomar foi o detonante dunha nova onda de críticas cruzadas entre forzas políticas. O Partido Popular denuncia estas subas nos concellos gobernados pola esquerda, mentres que o BNG e o PSOE fan o mesmo onde goberna o PP. A situación amosa unha clara falta de coherencia política, con discursos que varían segundo quen ocupe o poder municipal.

Porén, máis aló da confrontación partidista, o debate sobre o lixo afecta directamente ao peto da veciñanza. As subas preséntanse como necesarias para cubrir os custos crecientes do servizo, pero tamén afogan cada vez máis aos cidadáns, que reclaman prestacións de maior calidade e acordes cos prezos que pagan.

A realidade é que esa mellora non se percibe: a recollida do lixo é deficitaria en moitos lugares, os contedores seguen a rebordar con frecuencia, o reciclaxe é ineficiente, e moitos contedores continúan sucios e sen renovar dende hai anos. En varios municipios, os contratos de recollida permanecen paralizados, e nin a xestión privatizada nin a realizada con medios propios ofrecen resultados satisfactorios.

Neste contexto, moitas voces coinciden en que o reciclaxe debería servir para reducir as taxas, ou polo menos evitar que sigan subindo, pero está a ocorrer o contrario. A situación merece unha reflexión seria por parte de todos os colectivos, políticos e sociais, porque, máis alá das cores e das cifras, o esencial é que o servizo de recollida mellore e funcione como merece a cidadanía.