Unha tarde para a lembranza en Gondomar: Miguel Román salva ao Celta no desconto
O Celta ten novo heroe: Miguel Román, o noso veciño, entrou desde o banco e marcou no minuto 91 o gol que deu ao Real Club Celta unha sufrida e valiosa vitoria no Ciutat de València.
O encontro comezou con ritmo alto e ocasións para ambos equipos. O Levante quedou cun xogador menos no minuto 29 tras a expulsión de Unai Vencedor, pero iso non impediu que loitasen até o final. O Celta adiantouse cun gol de Mingueza antes do descanso, e Arriaga empatou para os granotas na segunda metade, deixando todo aberto nos minutos finais.
Cando o reloxo marcaba o 91, chegou a maxia: tras unha boa combinación entre Mingueza e Borja Iglesias, o balón caeu aos pés de Miguel Román, que non fallou. Disparou cruzado, raso e directo ao fondo da rede. Gol e tres puntos de ouro para o Celta… e unha explosión de orgullo en Gondomar.
