A historia da volta ao mundo da corveta S.M.C. Ferrolana chega a Baiona
O Concello de Baiona inaugura o próximo 17 de outubro ás 19:00 horas unha nova exposición na planta baixa da Casa da Navegación que transporta aos visitantes á fascinante viaxe ao redor do mundo da corveta de guerra S.M.C. Ferrolana.
A mostra detalla unha travesía histórica con múltiples obxectivos: formación de novos gardas mariñas, misións diplomáticas e comerciais coas colonias en América e Filipinas, e a misión de levar a Australia o primeiro grupo de relixiosos encabezados por F. José María Benito Serra, que construíu a primeira igrexa da zona, da que máis tarde sería bispo Fray Rosendo Salvado.
O percorrido permite vivir a experiencia da tripulación, que non só enfrontou os desafíos de navegación e longas travesías, senón que tamén coñece outras culturas e terras. Os visitantes descubrirán vocabulario e técnicas de navegación, xeografía histórica e tipos de embarcacións, todo narrado a través do diario persoal de Ramón L. Barreiro, piloto naval de Foz (Lugo), un documento único que mestura datos técnicos e vivencias persoais.
O proxecto conta cun financiamento mixto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e do propio Concello de Baiona. A exposición poderá visitarse de martes a venres, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas.
