Gondomar

Ferreira ameaza con abandonar a mancomunidade se o GES non se profesionaliza converténdose en parque comarcal

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, anunciou hoxe que antes de fin de ano, se o Servizo de Emerxencias do Val Miñor (GES) non se integra nun parque comarcal de bombeiros xestionado por Deputación e Xunta, propoñerá ao pleno a saída de Gondomar da Mancomunidade do Val Miñor, de que depende actualmente o servizo.

Ferreira denunciou a situación actual do GES: falta de efectivos, instalacións deficientes e incumprimentos en prevención de riscos laborais. Lembra que a competencia sobre extinción de incendios e salvamento corresponde á Xunta, xa que os tres municipios do Val Miñor teñen menos de 20.000 habitantes e non están obrigados a manter un servizo propio.

O rexedor reclamou a profesionalización do servizo, cun parque comarcal que garanta seguridade, operatividade e estabilidade laboral. “A situación é insostible e require medios axeitados e xestión profesional. Xunta e Deputación deben actuar con urxencia”, afirmou.

Ferreira destacou tamén que a unión dos tres municipios só ten sentido se mellora a eficiencia e a calidade dos servizos. Se non se concreta un acordo firme, levará ao pleno de decembro a proposta de abandono da Mancomunidade, para que a corporación decida democráticamente.

Finalmente, os sindicatos do GES amosaron pleno apoio á transformación inmediata do servizo.