Gondomar

Gondomar impulsa unha senda peonil en Borreiros cun investimento de 1,3 millóns de euros

O Concello de Gondomar está a preparar o proxecto que presentará ao Plan Extraordinario da Deputación Provincial de Pontevedra correspondente ao presente ano, cun investimento total estimado de 1.300.000 euros.

A actuación contempla o asfaltado, recollida de augas pluviais, saneamento, canalización e cubrición de cunetas, así como a creación dunha senda peonil que garantirá un tráfico rodado calmado e seguro, permitindo o tránsito combinado de peóns e vehículos dende o cruce de Telleiro ata Sabarís e Ramallosa.

O proxecto será presentado á liña de subvencións da Deputación dirixida aos concellos da provincia, co obxectivo de acadar a máxima puntuación posible, o que permitiría obter unha financiación do 80 % por parte da institución provincial e asumir o 20 % restante con fondos municipais.

Desde o Goberno local destacan que esta iniciativa “demostra a firme convicción de chegar a cada recuncho das parroquias e barrios de Gondomar, garantindo servizos públicos de calidade e unhas condicións de vida dignas e equilibradas para toda a veciñanza”.