Nigran

O Concello de Nigrán inaugurou a rehabilitada fonte do Pereiro en Camos

O Concello de Nigrán inaugurou este sábado, 11 de outubro, a rehabilitada fonte do Pereiro, na parroquia de Camos, tras unha reforma integral valorada en 33.000 euros. O acto contou coa actuación do grupo Os Alegres do Val Miñor, que estreou para a ocasión unha peza titulada precisamente “Fonte do Pereiro”, e coa plantación simbólica dunha pereira.

O conxunto musical estivo especialmente implicado neste proxecto, ao actuar como voceiros da petición veciñal de rehabilitación a través dos seus integrantes Raúl González Figueroa e José Figueroa Nandín, veciños da zona.

O manancial, moi empregado polos residentes, atópase na Rúa dos Pazos, no barrio de As Pedras, a unha cota inferior da estrada, e presentaba unha imaxe moi deteriorada debido a engadidos de formigón e á falta de mantemento. A intervención municipal incluíu a construción de novos peldaños de pedra, a substitución da varanda por outra de aceiro inoxidable, a reconstrución do muro frontal en cachotaría tradicional, o revestimento do muro lateral e a colocación dunha nova fronte e base de pedra, que realzan o valor estético e patrimonial do conxunto.

Ademais, limpouse a vexetación da contorna e instalouse iluminación ornamental de baixo consumo, completando unha actuación que mellora notablemente o aspecto da zona.

“Seguiremos rehabilitando lavadoiros e fontes para poñelos en valor”, sinalou o alcalde Juan González, quen lembrou que o Concello leva investidos preto de 200.000 euros nos últimos oito anos na recuperación e embelecemento destes elementos tradicionais.

“Intervimos naqueles lavadoiros e fontes que son de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe de conxunto e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Cómpre destacar que, aínda que de xeito máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, concluíu o rexedor.