Avelaíña alerta en Sabarís sobre o impacto das tecnoloxías na saúde mental: “Estamos máis conectados, pero tamén máis sós”
A psicóloga Olegaria Mosqueda protagonizou a charla ‘Drogas dixitais: ¿conectados ou atrapados?’ ante máis de 200 persoas no Multiusos de Sabarís, no marco do Día Mundial da Saúde Mental
A Asociación Avelaíña Val Miñor conmemorou este venres, 10 de outubro, o Día Mundial da Saúde Mental cunha charla que puxo o foco nun dos grandes desafíos da sociedade actual: o impacto das tecnoloxías e das redes sociais no equilibrio emocional, especialmente entre a mocidade.
Baixo o título “Drogas dixitais: ¿conectados ou atrapados?”, a psicóloga educativa e orientadora Olegaria Mosqueda convidou o público a reflexionar sobre os límites entre o uso e o abuso da tecnoloxía. “Estamos máis conectados ca nunca, pero tamén máis sós”, advertiu, facendo fincapé na necesidade de recuperar as relacións persoais, a comunicación directa e o contacto humano como antídoto fronte á dependencia dixital.
O acto, celebrado no Multiusos de Sabarís, reuniu a máis de 200 asistentes, entre eles os alcaldes do Val Miñor —Paco Ferreira (Gondomar) e Juan González (Nigrán)—, e Ana Iglesias, concelleira de Benestar Social de Baiona, ademais de representantes institucionais, profesionais da educación e da sanidade, membros de FEAFES Galicia, alumnado do IES Primeiro de Marzo e usuarios e familiares de Avelaíña.
A presentación correu a cargo de Rafa Álvarez, xerente da entidade, quen subliñou o compromiso da asociación coa promoción da saúde mental e coa prevención de condutas aditivas relacionadas co ámbito dixital.
Os datos avalan a preocupación: segundo o Plan Nacional sobre Drogas, un de cada cinco adolescentes en España presenta signos de uso problemático de Internet, móbil ou redes sociais. E o informe “Salud mental y desigualdad de jóvenes en España” sinala que case o 60% da mocidade sufriu problemas psicolóxicos no último ano, mentres que o 48,9% chegou a ter ideacións suicidas en algún momento de 2023.
