Nigrán busca familias que cambien vidas: o Concello impulsa con Arela o acollemento de adolescentes con medidas xudiciais
O programa “ConVive.Conmigo” ofrece apoio económico e acompañamento profesional a quen decida abrir o seu fogar e ofrecer unha segunda oportunidade a mozos en conflito coa lei
Nigrán aposta de novo pola solidariedade e o compromiso social. O Concello colaborará coa Asociación Arela na difusión do programa “ConVive.Conmigo”, unha iniciativa que busca familias valentes e con sensibilidade dispostas a acoller temporalmente a adolescentes que están a cumprir medidas xudiciais.
O alcalde Juan González e a concelleira de Asuntos Sociais Bibiana Peixoto reuníronse con responsables da entidade para renovar o compromiso municipal con este proxecto, que leva máis de dúas décadas funcionando en Galicia coa infancia e adolescencia en risco.
“Non se trata de substituír á familia de orixe, senón de ofrecer un tempo, un espazo e un exemplo de convivencia positiva que lles axude a reorientar a súa vida”, explican desde Arela.
As persoas que participen reciben formación, acompañamento profesional e unha axuda económica de 40 euros diarios mentres dure a convivencia. O obxectivo é crear un ambiente socializador e normalizado que favoreza a reintegración dos mozos e evite reincidencias.
O programa non busca “pais ou nais de substitución”, senón xente con madurez emocional e ganas de contribuír a un cambio real. Valoraranse perfís con experiencia educativa ou social, aínda que o principal é o compromiso.
Quen queira formar parte desta iniciativa pode atopar máis información na web www.arela.org, no teléfono 604 038 672 ou no correo convive@arela.org.

