Baiona

Jesús Vázquez Almuíña lidera en Cáceres a expansión turística de Rías Baixas en Reino Unido e no mercado nacional

O deputado de Turismo impulsa novas alianzas internacionais e prepara a participación da Deputación na feira World Travel Market de Londres

Pazo Provincial, 9 de outubro de 2025.– O deputado de Turismo da Deputación de Pontevedra, Jesús Vázquez Almuíña, reforza estes días en Cáceres o liderado da provincia na promoción turística de Rías Baixas dentro e fóra de España. No marco da V Convención de Turespaña, o responsable provincial mantivo diversos encontros de traballo dirixidos a abrir novos mercados, consolidar relacións institucionais e impulsar a internacionalización do destino pontevedrés.

Almuíña, acompañado pola directora de Turismo, Romina Fernández, reuniuse co director de Turismo de España no Reino Unido, Manuel Butler, para profundar no mercado británico, un dos máis relevantes para Galicia, e estudar posibles accións conxuntas de promoción. O deputado destacou a “excelente oportunidade” que supón esta colaboración e adiantou que a Deputación participará o vindeiro 4 ao 6 de novembro na feira World Travel Market de Londres, unha das máis prestixiosas do mundo no sector.

“O obxectivo é que Rías Baixas teña unha presenza sólida e recoñecible nos principais mercados emisores europeos. O Reino Unido é unha peza clave nesa estratexia”, subliñou Almuíña, quen enmarcou esta acción dentro do plan Rías Baixas 61, centrado na internacionalización e promoción sostible do destino.

O deputado tamén aproveitou a súa presenza en Cáceres para estreitar lazos con outras comunidades autónomas, mantendo encontros co conselleiro de Turismo do Goberno de Aragón, Manuel Blasco, e coa directora de Turismo de Cantabria, María Saiz.

Durante a reunión con Blasco, Almuíña presentou o workshop que a Deputación celebrará o 29 de outubro en Zaragoza, no que participarán 25 empresas turísticas da provincia. Este evento servirá para dar a coñecer a campaña “Cando volves?”, recoñecida con premios en Xapón, Sudáfrica, Estados Unidos, España e Francia, e reforzar o posicionamento da provincia como destino de referencia en España.

“Estamos a construír pontes con outros territorios e abrindo novas vías de promoción que sitúan a Rías Baixas no mapa turístico internacional”, concluíu Almuíña.