O Concello de Nigrán inaugura este sábado a rehabilitada fonte do Pereiro, en Camos
O Concello de Nigrán inaugurará este sábado, 11 de outubro, ás 18:00 horas, a rehabilitada fonte do Pereiro, na parroquia de Camos, tras unha reforma integral cun investimento de 33.000 euros.
O acto contará coa actuación do grupo “Os Alegres do Val Miñor”, especialmente implicado neste proxecto, xa que un dos seus integrantes, Raúl González Figueroa, xunto con José Figueroa Nandín, foron voceiros da petición veciñal para recuperar este espazo. A agrupación estreará para a ocasión unha peza titulada, precisamente, “Fonte do Pereiro”, e plantaranse dúas pereiras como símbolo da restauración.
O manancial, moi empregado polos veciños da zona, atópase na Rúa dos Pazos (barrio de As Pedras), nunha cota inferior á estrada. Antes da intervención, presentaba unha imaxe moi deteriorada e carente de interese, debido aos engadidos de formigón.
A actuación consistiu na construción de novos peldaños de pedra (en substitución dos de formigón), a instalación dunha varanda de aceiro inoxidable, a reconstrución do muro frontal en mampostería tradicional, o revestimento lateral e a renovación da base e fronte da fonte con pedra, logrando un conxunto moito máis harmónico. Tamén se limpou a biomasa da contorna e instalouse iluminación ornamental de baixo consumo.
“Seguiremos rehabilitando lavadoiros e fontes para poñelos en valor”, sinala o alcalde Juan González, quen lembra que o Concello leva investidos preto de 200.000 euros nos últimos oito anos na mellora destes elementos tradicionais.
“Intervimos naqueles lavadoiros e fontes de titularidade municipal para harmonizar a súa imaxe e devolverlles o valor patrimonial e etnográfico que representan. Aínda que de xeito máis anecdótico, seguen a ser empregados polos veciños”, concluíu o rexedor.
