BaionaGondomarNigran

A Gran Recollida dos días 7 e 8 de novembro precisa máis de cen voluntari@s no Val Miñor

A Fundación Provincial Banco de Alimentos necesita sumar máis de cen voluntari@s en Baiona, Nigrán e Gondomar para poder desenvolver con éxito a Gran Recollida 2025 (GR2025), que se celebrará os días 7 e 8 de novembro.

A nivel provincial, a entidade mobilizará a máis de 2.500 persoas voluntarias en 150 supermercados, coa presenza da xa coñecida “marea azul” nos tres municipios do Val Miñor.

Este ano a campaña adiántase dúas semanas respecto a edicións anteriores, e mantén o lema “Dámosllo todo”, cun formato mixto de doazóns: entrega de alimentos físicos e/ou achegas económicas ao pasar pola caixa.

As persoas interesadas en colaborar poden inscribirse na app da web do Banco de Alimentos —onde se pode elixir xornada, supermercado e quenda— ou chamando ao 986 263 022.

Implicación educativa e social

A GR2025 contará coa colaboración de máis de 50 centros educativos e dunha decena de colectivos sociais, entre eles persoas con discapacidade, traballadores e asociacións. Como novidade, este ano participarán tamén familias da Federación ANPAS Val Miñor (Favalmi), así como usuarios do Centro Juan María e da Fundación Menela.

Apoio das forzas armadas e corpos de seguridade

A Brigada Galicia VII (BRILAT) volverá encargarse da loxística, mentres que medio cento de axentes da Garda Civil de Pontevedra colaborarán como voluntari@s. Tamén se prevé a participación de alumnado da Escola Naval de Marín.

Padrino ou madriña da GR2025

O 22 de outubro desvelarase quen será o padrino ou a madriña que abandeirará esta edición, substituíndo á presentadora, actriz e modelo Diana Nogueira, embaixadora o ano pasado.

A Fundación aposta novamente por unha figura coñecida que dea visibilidade á campaña e contribúa a acadar o obxectivo de recadar máis de 325.000 quilos de alimentos, cifra conseguida en 2024. No Val Miñor recolléronse daquela máis de 12.000 quilos.

Un labor sostido no tempo

Na actualidade, o Banco de Alimentos de Vigo e Pontevedra presta axuda a máis de 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade a través de 154 entidades benéficas e ONG. Durante 2024 distribuíronse 1,4 millóns de quilos de comida, e só no primeiro semestre deste ano xa se repartiron 700.000 quilos.