Gondomar

O alcalde critica que Paula Bouzós cobre arredor de 80.000 euros, case o dobre do seu soldo en Gondomar

O goberno municipal de Gondomar, encabezado polo alcalde Paco Ferreira, manifestou a súa sorpresa polas novas retribucións que percibirá a portavoz do PP local, Paula Bouzós, quen pasará a cobrar arredor de 80.000 euros anuais polo seu cargo como deputada provincial e concelleira en Gondomar. A esta contía súmase o uso de coche oficial e outras asignacións vinculadas ao posto.

Ferreira lembrou que Bouzós foi crítica no pasado cos soldos do executivo local, cando cualificara de “excesivos” os 32.000 euros anuais que perciben o alcalde e as concelleiras con dedicación exclusiva. “Resulta contraditorio que quen cuestionaba aquelas cantidades vaia percibir agora máis do dobre”, sinalou o rexedor.

Segundo o alcalde, a nova retribución sitúa a Bouzós “por riba de alcaldes de cidades como Vigo ou A Coruña” e practicamente ao nivel do propio presidente da Deputación. “É difícil de comprender que se critique un salario de 32.000 euros anuais, ao tempo que se perciben arredor de 80.000”, engadiu.

Desde o goberno local consideran que este contraste supón unha falta de coherencia política e subliñan que é importante que a veciñanza coñeza estas cifras para poder valorar a situación con perspectiva.