Gondomar acollerá un acto público sobre “Castelao nacionalista galego”
O BNG de Gondomar celebrará este sábado, 4 de outubro, un acto público aberto no Auditorio Municipal Lois Tobío co obxectivo de reivindicar a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 75 aniversario do seu pasamento. A cita comezará ás 19:00 horas e está enmarcada na campaña que a formación nacionalista está a desenvolver ao longo de todo o ano para popularizar o legado político, cultural e artístico do histórico referente galego.
O encontro, baixo o título “Castelao nacionalista galego”, contará coa participación da escritora Marta Dacosta e do debuxante Alfredo López, quen afondarán na dobre dimensión de Castelao, tanto como escritor e artista como na súa faceta de político nacionalista.
Ademais, integrantes de Galiza Nova do Val Miñor darán lectura a diversos textos da súa obra, nunha iniciativa que pretende achegar ás novas xeracións a vixencia do pensamento e compromiso do autor de Sempre en Galiza.
O BNG convida a toda a veciñanza a asistir a este acto, que busca ser tamén un espazo de reflexión colectiva sobre a identidade e o futuro de Galicia.
