Nigran

O alcalde de Nigrán recibe a felicitación da Asociación Galega de Autocaravanistas polo seu apoio ao sector

O alcalde de Nigrán, Juan González, reuniuse este mediodía con Cesáreo González, tesoureiro da Asociación Galega de Autocaravanistas (AGA), quen lle transmitiu persoalmente os parabéns da entidade polas políticas desenvolvidas no municipio.

Con 800 socios en toda Galicia, AGA é a máis numerosa de España e considera a Nigrán un referente pola delimitación de prazas específicas en primeira liña de praia desde 2020 e pola posta en marcha este verán dun punto público e gratuíto de vaciado de augas en Porto do Molle. A asociación propuxo celebrar en 2026 un encontro de caravanistas no municipio, proposta aceptada polo rexedor.

“Queremos atraer este turismo dun xeito sostible e con servizos de calidade que nos sitúen como destino preferente”, subliñou Juan González.

Pola súa parte, o representante de AGA destacou que a regulación de Nigrán é un exemplo fronte a outros concellos que vetan directamente as caravanas:

“Non estamos en contra das normas, o que pedimos é non ser rexeitados”.

Dende 2020, Nigrán conta con 30 prazas exclusivas para caravanas en cinco zonas de praia. A medida busca ordenar o uso do litoral, ao tempo que Porto do Molle se consolida como servizo de referencia para este tipo de turismo en Galicia.