Baiona recibe a Gael e Xiana, os irmáns de Belesar que triunfan no mundo da patinaxe
O alcalde Jesús Vázquez Almuiña, xunto a varios concelleiros, homenaxearon no Concello os éxitos internacionais dos dous patinadores locais
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado de varios concelleiros do seu equipo de goberno, recibiu no salón de plenos aos novos talentos da patinaxe, Gael (9 anos) e Xiana (17 anos), veciños de Belesar e membros do Club de Patinaxe de Gondomar, tras un ano 2025 cheo de éxitos deportivos.
Gael proclamouse bicampión galego, subcampión de España e acadou a clasificación para o Campionato de España e a Copa de Europa. Pola súa parte, Xiana proclamouse campioa do mundo en cuarteto, é tricampioa galega e afronta agora o reto de revalidar o título mundial en China este mes de outubro, ademais de competir tamén na Copa de Europa.
Durante a recepción, o Concello de Baiona destacou o esforzo, a disciplina e o talento destes irmáns, ao tempo que fixo un chamamento ao apoio da cidadanía, lembrando o gran esforzo económico que supón para as súas familias participar en competicións internacionais.
“O éxito destes irmáns é un reflexo da súa disciplina e da súa paixón polo deporte, pero tamén supón un reto colectivo: o de acompañalos e respaldalos para que poidan seguir levando o nome de Baiona con orgullo a nivel internacional”, subliñou o alcalde.
