Nigran

O concello de Nigrán destinará 4,5 millóns de euros de Zona Franca á creación dun espazo deportivo inclusivo en Porto do Molle

O goberno local levará ao pleno do martes unha modificación de crédito de 4,5 millóns de euros, procedentes da achega de Zona Franca polo aproveitamento do parque empresarial, co obxectivo de construír un espazo deportivo inclusivo en Porto do Molle.

O seguinte paso inmediato será a convocatoria dun concurso de proxectos anónimo e con xurado, seguindo a fórmula empregada o ano pasado na remodelación da avenida Castelao, para levantar o novo parque na contorna da pista de atletismo e skate.

“Os cartos que Zona Franca abonou ao Concello deben reinvertirse en Porto do Molle, e non hai dúbida de que o máis necesario é aumentar as infraestruturas deportivas do municipio e desde un punto de vista inclusivo”, sinala o alcalde, Juan González, que aposta por un deseño emblemático e innovador baixo a supervisión do Colexio de Arquitectos de Galicia.

O proxecto deberá cumprir unhas premisas básicas: manter e completar as actuais pistas de skate e atletismo, construír unha pista cuberta (non necesariamente pechada) para deportes federados como fútbol sala, balonmán ou baloncesto, ademais de graderíos, vestiarios e outras pistas segundo o orzamento. O rexedor recalca que o deseño deberá garantir accesibilidade universal e promover a práctica deportiva conxunta, tanto adaptada como non adaptada.

O espazo combinará zonas de acceso libre (skate, calistenia, bolos celta…) con outras de uso público controlado para competicións e adestramentos.

“Este novo espazo deportivo inclusivo porá fin ás carencias de instalacións tanto para os diferentes clubes locais como para o IES Val Miñor, cuxa infraestrutura é totalmente insuficiente”, valora González. O alcalde lembra que, igual que na adquisición dos antigos cines da Ramallosa ou na construción da nova biblioteca, Nigrán precisa dotarse de infraestruturas acordes ao seu crecemento: “O municipio medrou exponencialmente e o Pavillón de Panxón non pode seguir sendo a única opción pública”.