O Concello de Nigrán anima ao comercio local a sumarse á campaña de solidariedade con Palestina ‘Somos bandada ante o silencio’
O Concello de Nigrán dá un novo paso na súa condena á situación en Palestina coa posta en marcha dunha campaña de solidariedade dirixida ao comercio local. A iniciativa, baixo o lema ‘Somos bandada ante o silencio. #NigránConPalestina’, consiste na distribución gratuíta dun vinilo cunha pomba cos cores da bandeira palestina, que poderá ser colocado nos escaparates dos establecementos interesados.
Os comerciantes que desexen participar poderán solicitalo a través dun formulario dispoñible en www.nigran.org. O vinilo entregarase en dous tamaños —A4 ou A3— e está deseñado para adherirse ao cristal sen danalo nin precisar pegamento, podendo retirarse facilmente. A campaña tamén estará visible en todos os espazos municipais.
Declaracións do alcalde
“Somos un municipio que non cre na indiferenza, queremos que o noso pobo visibilice a súa oposición a semellante barbarie e sumarnos á onda de condena internacional a Israel. Isto non vai de cores políticas, isto vai de dereitos humanos e empatía”, subliñou o alcalde, Juan González.
O rexedor lembrou que en maio de 2024 xa se aprobara en pleno unha moción do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade que preside, reclamando o fin dos ataques a Gaza e a retirada das tropas israelís. Máis recentemente, o Concello colocara unha pancarta na fachada coa mensaxe “Nigrán, non somos indiferentes. Paremos o xenocidio”, ademais de pulseiras co mesmo lema repartidas entre a veciñanza.
Contexto e compromiso
“Estamos nunha catástrofe humanitaria sen precedentes e temos claro que Nigrán non vai mirar cara a outro lado. Estamos no lado correcto da Historia; os que calan agora sentirán vergoña no futuro”, incidiu González.
O Concello reitera así a súa solidariedade coa poboación palestina, tanto en Gaza coma no exilio, e reclama unha paz xusta e duradeira que pase polo fin da ocupación dos territorios palestinos, o recoñecemento do dereito á autodeterminación e o cumprimento do dereito internacional e das resolucións da ONU.
