Nigran

Falece Horacio Gomes, histórico hostaleiro de Nigrán e fundador da Cafetería Venus

O Concello de Nigrán, en nome de toda a veciñanza, trasladou o seu máis sentido pésame á familia e achegados de Horacio Gomes, recoñecido hostaleiro do municipio e figura moi vinculada á historia recente da vila.

Xunto coa súa esposa Rosario Iglesias, ambos emigrantes retornados de Francia, en 1975 investiron todos os seus aforros na compra dun solar fronte á Casa Consistorial para abrir a emblemática Cafetería Venus. O éxito inicial permitiu ampliar rapidamente o negocio a restaurante, onde o famoso “Bacalhau á Venus” converteuse nun prato estrela coñecido en toda España, ata o punto de ser enviado por mensaxería a diferentes puntos do país.

As mesas do Venus foron escenario de encontros decisivos durante a Transición, cando “á miña casa entraban de todas as cores, e todos se saudaban e respectábanse”, lembraba Horacio. Pola súa cafetería-restaurante pasaron todos os alcaldes de Nigrán en democracia, así como personalidades de relevancia como os presidentes da Xunta Gerardo Fernández Albor e Manuel Fraga, o ministro Javier Solana e outros referentes da vida social, económica e política.

En 1982, animados polo auxe do turismo, o matrimonio ampliou o negocio cun hostal de 8 habitacións, que co tempo pasou a 17 e a converterse en pensión. Finalmente, en 1999 retirouse tras 23 anos de servizo ininterrompido, deixando unha fonda pegada na hostalaría nigranesa. En 2004, tras dous arrendamentos, a xestión pasou a Amador Domínguez, actual xerente e propietario da pensión desde 2020.

O legado de Horacio Gomes permanece na memoria colectiva de Nigrán, non só como hostaleiro exemplar, senón tamén como testemuña viva dunha etapa crucial da historia local.