Gondomar solicita a Augas de Galicia autorización para un proxecto de mellora ambiental e prevención de inundacións nos ríos Miñor e Zamáns
O Concello de Gondomar vén de solicitar autorización a Augas de Galicia para acometer un plan integral de limpeza e conservación das marxes dos ríos Miñor e Zamáns ao seu paso polo casco urbano, en puntos como o antigo matadoiro, A Ponte das Ánimas, o acueduto do Bravo e o centro da vila.
A iniciativa desenvolverase a través da Oficina Municipal de Voluntariado, recentemente creada, co obxectivo de canalizar a participación cidadá e reforzar a conservación ambiental.
O proxecto céntrase en recuperar a funcionalidade ecolóxica dos treitos fluviais urbanos, reducindo a presión humana e mellorando a calidade do entorno. As actuacións previstas inclúen:
- Retirada de residuos sólidos e entullos acumulados.
- Control da vexetación invasora e impulso das especies autóctonas.
- Recuperación do hábitat fluvial e mellora da conectividade ecolóxica.
- Eliminación de obstáculos e sedimentos para facilitar o caudal e previr inundacións.
- Campañas de sensibilización cidadá sobre a importancia dos ríos como ecosistemas vivos.
A medio e longo prazo, espérase que a intervención contribúa a incrementar a biodiversidade, mellorar a calidade da auga, reducir o risco de inundacións e reforzar a conciencia ambiental da poboación, consolidando o papel dos ríos como espazos de valor ecolóxico, paisaxístico e social.
