O Concello de Nigrán amplía a súa oferta formativa musical para ser recoñecida como Escola Municipal
O Concello de Nigrán dá un novo paso decisivo na súa aposta pola formación musical pública coa ampliación da oferta educativa da súa escola, que este curso incorpora as especialidades de Batería, Baixo eléctrico, Canto e Música e Movemento (para nenos e nenas de 4 a 7 anos). Con esta implantación, o centro cumpre xa cos requisitos esixidos para solicitar á Xunta de Galicia a declaración oficial como Escola Municipal de Música, o que permitirá acceder a distintas liñas de axuda.
As novas disciplinas súmanse ás xa existentes de Piano, Violín, Guitarra e Linguaxe Musical, multiplicando a capacidade da escola: as prazas pasan de 60 a 150 e o cadro docente de 2 a 6 profesores. As clases comezarán a primeira semana de outubro. As matriculacións do alumnado xa inscrito realizaranse os días 26 e 27 de setembro, mentres que as novas incorporacións poderán facelo os días 29 e 30, en ambos casos de 9:00 a 14:00 horas na sede da escola (antiga biblioteca).
“O maior logro é que achegamos o acceso á música a toda a veciñanza, cunha oferta de calidade ampla e variada e sen límite de idade, calquera persoa de calquera condición pode formarse nun instrumento grazas á nosa escola pública”, destacou o alcalde Juan González, lembrando que detrás deste proxecto hai “un traballo de anos que comezou no 2021 coa adaptación do edificio da antiga biblioteca, a compra de instrumentos e a incorporación de novas especialidades”.
