A deputación reúne a 400 veciños de Baiona na xornada +Convivir
O Pavillón municipal de Baiona acolleu este sábado unha nova edición da xornada +Convivir, organizada pola Deputación de Pontevedra para poñer en valor o compromiso do movemento veciñal coa dinamización da vida social e cultural da vila. O encontro reuniu arredor de 400 persoas e contou coa presenza do deputado provincial de Acción Comunitaria, Javier Tourís, e do alcalde de Baiona, José Jesús Vázquez Almuíña.
O acto estivo conducido pola presentadora da TVA, Rocío Padín, quen guiou unha xornada que combinou formación e lecer. O Dr. Manuel Viso ofreceu unha charla práctica con consellos sobre como coidarse e sobre primeiros auxilios con nocións básicas, moi aplaudida polos asistentes. Ademais, houbo un taller de risoterapia, sesións de bailes de salón e música en directo, completando unha auténtica festa veciñal que rematou cun refrixerio compartido.
Tourís salientou que este programa busca “xuntarnos, tecer lazos e xerar espazos de encontro para impulsar o avance desta provincia extraordinaria”. Definiu a cita como “unha tarde única de convivencia, aprendizaxe e diversión” e agradeceu o labor das asociacións veciñais de Baiona, fundamentais para manter viva a actividade comunitaria.
Pola súa banda, o alcalde Vázquez Almuíña destacou a importancia de que Baiona acolla iniciativas deste tipo, que “reforzan a unión veciñal e recoñecen o traballo das asociacións, auténtico motor da vida cultural e social da vila”.
Moi proximamente, veciños e veciñas de Gondomar e Oia tamén poderán gozar desta actividade, que chega para reforzar os lazos comunitarios e poñer en valor o tecido asociativo.
