Vera Vázquez, campioa do mundo de kitesurf, recibida no concello de Baiona
A campioa mundial de Kitesurf en Freestyle Sub 19 feminino, Vera Vázquez, foi recibida na Casa do Concello de Baiona acompañada polos seus pais, o seu irmán e o seu tío e adestrador persoal, Dani, tamén veciño da Vila, así como por varios dos trofeos acadados ao longo da súa carreira.
No acto estivo arroupada por membros do equipo de goberno, que aproveitaron para conversar con ela sobre a súa curta pero intensa traxectoria deportiva, como consegue compaxinar os estudos co deporte e cales son os seus obxectivos máis próximos, tanto no ámbito académico como no competitivo.
O Concello destacou que é “unha sensación emocionante contar cunha campioa mundial, quen en só tres anos conseguiu chegar tan alto”. Non en balde, en 2024 xa fora terceira do mundo e subcampioa de España, logros que demostran o esforzo e dedicación desta deportista nunha carreira que, malia ser breve, xa acumula importantes éxitos.
Desde a institución local animáronlle a continuar con esa traxectoria gañadora, marcada tamén polos seus valores persoais, converténdose nun exemplo para a mocidade de Baiona.
