Nigran

¿E ti de quen ves sendo? Nigrán recupera os alcumes tradicionais das parroquias

O Concello de Nigrán puxo en marcha un proxecto para recuperar os alcumes máis arraigados de cada parroquia, co obxectivo de preservar este patrimonio oral e poñelo en valor antes de que se perda entre as novas xeracións.

Tras documentar anos atrás a micropotoponimia referida aos lugares e barrios, agora a investigación céntrase nos alcumes, unha ferramenta de identificación social que tamén achega información sobre dinámicas comunitarias, familiares e xeográficas, ademais de conlevar unha forte carga emocional para as familias.

“Non se trata de ser alcumadores de novos veciños nin de rescatar aqueles que buscaban ridiculizar ou estigmatizar, senón de recuperar os que achegan auténtica información antropolóxica e lingüística”, explicou o alcalde Juan González, historiador de formación e impulsor da iniciativa.

O traballo desenvolverase barrio a barrio, nas escolas e a través dun formulario en liña. Cos datos recompilados elaborarase un libro ilustrado por parroquias, un póster e o calendario municipal de 2026. A parte gráfica estará a cargo da tenda-estudio Papelier, con Noelia Muíños e Ramón Quintas, autores de publicacións como Antonio Palacios en Nigrán ou Nigrán no Camiño de costa. Ademais, impartirán obradoiros de lettering para alumnado de 6º de Primaria empregando os alcumes como inspiración.

“O proxecto é multidisciplinar, combina recompilación, interpretación e difusión cunha metodoloxía participativa, creativa e interxeracional”, salientou González, quen destacou tamén a importancia de implicar directamente ao alumnado dos centros educativos a través de unidades didácticas que se distribuirán estes días.