Gondomar

Lío polo baleirado das fosas sépticas en Gondomar.

O pleno de Gondomar volveu ser escenario de confrontación entre o goberno local e o BNG a conta do servizo de baleirado de fosas sépticas e pozos negros, unha demanda que afecta a milleiros de vivendas do municipio sen conexión á rede de saneamento.

Desde o Goberno Municipal, encabezado polo alcalde Paco Ferreira, aseguran que é falso que se opoñan á implantación do servizo. “Todo o contrario”, apuntan fontes municipais, lembrando que xa se está a traballar na redacción dunha nova ordenanza específica que regule a prestación. O que rexeitan é a fórmula proposta polo BNG, que pretendía incluír este servizo nos pregos do contrato de abastecemento e saneamento municipal xa aprobado. Para o executivo, esta opción sería “inviable” porque obrigaría a retrotraer o expediente, rehacer a estrutura de custos e volver aprobar os documentos.

Ferreira insta así ao BNG a deixar de “confundir á cidadanía con afirmacións falsas” e a exercer unha oposición “seria, leal e construtiva”, pensando no interese xeral do municipio.

Pola súa parte, o BNG acusa ao rexedor socialista de volver dar as costas á veciñanza. A súa voceira, Manuela Rodríguez, lembra que en Gondomar hai unhas 3.000 vivendas sen saneamento, e que un único baleirado privado anual custa arredor de 130 euros, cinco veces máis que a taxa municipal de saneamento.

Rodríguez criticou a “negativa reiterada” do alcalde e recordou que, mesmo recoñecendo en febreiro as carencias do municipio neste ámbito, Ferreira deixou claro que o servizo “non é a súa prioridade”. Para o BNG, a creación inmediata dun sistema municipal de baleirado sería unha medida “transitoria imprescindible”, que xa prestan concellos semellantes ou máis pequenos, como Tomiño ou Mondariz.

O debate segue aberto: mentres o goberno aposta por regular o servizo a través dunha nova ordenanza, os nacionalistas insisten en que Gondomar “ten recursos dabondo” para poñelo en marcha de maneira urxente.