Alumnado de Buenos Aires visita o Concello de Baiona
O Concello de Baiona recibiu este mércores a un grupo de estudantes do Instituto Santiago Apóstol de Buenos Aires (Arxentina), que se atopan de percorrido por Galicia para coñecer de preto a terra dos seus antepasados. Entre eles atópanse familiares dalgúns alumnos e tamén dunha das profesoras que os acompaña.
No Salón de Plenos, o alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, e a concelleira de Educación, Nuria Leyenda, xunto con outros membros da Corporación Municipal, deron a benvida oficial ao alumnado e profesorado. Como lembranza da visita, fixeron entrega ao Concello dunha pintura en postal da artista arxentina Lara Palma.
Despois da recepción institucional, o grupo realizou un percorrido polos principais puntos de interese da vila mariñeira, entre eles a réplica da Carabela Pinta, a Virxe da Roca e diferentes monumentos e espazos emblemáticos, dos que levaron un grato recordo da súa estadía en Baiona.
