Baiona

Baiona celebra a terceira edición do Festival Peregrino “Encontros no Camiño”, tres días de música, arte e tradición

O Concello de Baiona presenta a terceira edición do Festival Peregrino “Encontros no Camiño”, un evento cultural e festivo que este ano dá un salto cualitativo e amplía a súa programación a tres días de actividades. A cita terá lugar o venres 12, sábado 13 e domingo 14 de setembro, converténdose nunha das grandes despedidas do verán tanto para visitantes como para veciños da vila.

O festival, organizado polo Concello coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia, naceu como unha proposta cultural pensada para todos os públicos e consolidouse como un espazo de encontro no Camiño de Santiago pola Costa ao seu paso pola vila. Música, tradición, patrimonio e creatividade son os piares dunha programación que combina modernidade e raíces.

PROGRAMACIÓN

  • Venres 12 (Parque da Palma)
    • 21:00 h → Concerto de apertura con La Patrulla
    • 22:30 h → Concerto estelar de The Rapants
  • Sábado 13
    • 12:00 h (Xardíns do Museo da Navegación) → Espectáculo familiar de Brais das Hortas
    • 18:00 h (Praza das Teresiñas) → Obradoiro Familiar
    • 21:00 h (Praza do Concello) → Concerto de Uxía Lambán e a Banda Molona
  • Domingo 14
    • 12:00 h (Xardíns do Museo da Navegación) → Concerto infantil de Pakolas
    • 13:00 h (Fonte de Zeta) → Sesión musical con Señora Dj
    • 17:00 h (saída desde a Oficina de Turismo) → Visita infantil guiada “Encontros no Camiño”
    • 19:00 h (Praza de Santa Liberata) → Obradoiro Familiar de clausura

Todas as actividades serán de balde e están deseñadas para atraer tanto ao público local como ao visitante. Con este programa, o Festival Peregrino “Encontros no Camiño” reafírmase como unha das citas culturais máis esperadas do final do verán, consolidando a Baiona como un destino dinámico e referente cultural na comarca.