Nigran

As crianzas da ‘Xeración Xa!’ deseñan os campamentos creativos de verán do Concello de Nigrán

O histórico Centro da Terceira Idade da Ramallosa converterase este mes de xullo nun espazo de creación e aprendizaxe grazas á iniciativa do órgano municipal de participación infantil e xuvenil de Nigrán, coñecido como Xeración Xa!. A proposta, nacida directamente das asambleas deste grupo de rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos, dará lugar a cinco campus semanais e gratuitos centrados en disciplinas artísticas e creativas: graffiti, barro, cómic, cociña e guitarra.

O alcalde de Nigrán, Juan González, salientou que esta programación “é froito dun proceso real de participación infantil, no que a mocidade define as políticas culturais sen tutelas adultas”. Engadiu ademais que “aproveitamos que a planta baixa do centro da terceira idade da Ramallosa está libre e nun punto neurálxico, e ímos darlle vida coas propostas que eles mesmos idearon”.

Os campus, que terán lugar de luns a xoves en horario de 10:00 a 13:00 horas, contarán con profesionais da comarca:

  • Do 30 de xuño ao 3 de xullo: Graffiti e camisetas personalizadas, con Seek Selff.
  • Do 7 ao 10 de xullo: Introdución ao barro e creación libre, con Nerea Vila.
  • Do 14 ao 17 de xullo: Manga e cómic, con Coral Martínez.
  • Do 21 ao 24 de xullo: Cociña, alimentación e nutrición, con Iria Otero e Ramón Moes.
  • Do 28 ao 31 de xullo: Guitarra, con Gain Over.

A inscrición xa está aberta e faise a través da Oficina de Información Cidadá ou chamando ao 986 365 000. Cada participante poderá anotarse nun máximo de dous campus. Terán prioridade as crianzas empadroadas no municipio.

O consello Xeración Xa!, creado polo Concello en 2021, reúne a nenos e nenas dos diferentes centros educativos de Nigrán. Este curso están representados por Cayetana Guede (IES Val Miñor) e Carmen Vázquez (CEIP Humberto Juanes), quen exercen como voceiras da infancia e adolescencia no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (CAIA) da Xunta.