Baiona

A nova conselleira do Mar defende que o recheo do porto de Baiona é “legal e ordenado” ante as críticas do BNG na súa estrea no Parlamento

A nova conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu este martes no Parlamento de Galicia os recheos previstos no porto deportivo de Baiona, asegurando que se trata dunha actuación “legal, ordenada e debidamente autorizada”, a pesar das críticas expresadas por colectivos veciñais e representantes políticos.

Durante a súa primeira intervención nun pleno parlamentario, Villaverde foi interpelada pola deputada do BNG Carmela González, quen lle advertiu do “rexeitamento” que xera este proxecto entre a veciñanza de Baiona e reclamou a súa paralización. A nacionalista cualificou a intervención como parte dun “modelo de turistificación insostible” que pon en risco o equilibrio ambiental e social da vila mariñeira.

A conselleira, sen facer mención á recente dimisión do seu predecesor, Alfonso Villares, nin á polémica xerada pola súa toma de posesión, limitouse a afirmar que o proxecto servirá para “abrir o espazo á cidadanía” e que se inscribe nun “modelo respectuoso co entorno”. Asegurou tamén que permitirá dotar ao porto deportivo de mellores servizos e dunha imaxe máis coidada.