O club baloncesto Nigrán celebra dez anos da súa refundación cun emotivo acto de homenaxe
O Club Baloncesto Nigrán celebrou esta tarde-noite no Auditorio Municipal o décimo aniversario da súa segunda refundación cun emotivo acto no que participaron xogadores, exxogadores, adestradores, directivos, familias e simpatizantes da entidade. O evento, cargado de emoción e lembranzas, serviu para facer un percorrido polos momentos máis destacados desta última década e para render homenaxe a todas aquelas persoas que, dalgún xeito, fixeron posible a evolución e consolidación do club dende a súa reactivación en 2014.
Durante a celebración proxectáronse vídeos conmemorativos, entregáronse recoñecementos e lembráronse figuras clave na historia recente do club, facendo especial fincapé no seu papel como entidade comprometida co deporte base, a inclusión e a igualdade. Tamén se destacou o labor do club como espazo de formación persoal e colectiva para centos de nenos e nenas do municipio, e o seu crecemento sostido ata contar actualmente con once equipos federados e escolas deportivas en varios centros educativos da contorna.
O acto foi un punto de encontro interxeracional que reafirmou o carácter familiar, integrador e educativo do CB Nigrán, que continúa a medrar con ilusión grazas ao esforzo conxunto da súa comunidade deportiva.