Técnica municipal de Nigrán forma en agricultura e asociacionismo en Cabo Verde.
Carla Pérez, xefa da brigada de incendios do Concello de Nigrán, atópase no municipio caboverdiano de Tarrafal como parte do programa “Especialistas en Cooperar” do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que busca fortalecer o desenvolvemento económico local sustentable. A técnica nigranesa colabora alí con Lola Landeira, axente de desenvolvemento local do Concello de Brión.
Durante dúas semanas, ambas están a ofrecer formación a cinco comunidades agrícolas para mellorar os cultivos e fomentar o asociacionismo como ferramenta para compartir recursos e experiencias. Como primeiro froito desta iniciativa, xa se creou un grupo de lideresas agricultoras que empregará canles como WhatsApp e un blog para manterse conectadas.
Ademais, están a asesorar ao persoal técnico do Concello de Tarrafal en cuestións relacionadas cos espazos verdes, abordando tamén problemáticas ambientais comúns con Galicia, como a loita contra a acacia.
Nos próximos días reuniránse con comunidades pesqueiras locais para explorar a creación dunha asociación adaptada ao modelo galego das confrarías, co obxectivo de fortalecer o sector.
Esta estadía tamén serve para supervisar o proxecto financiado polo Concello de Nigrán en Ribeira da Prata, no que se está a reactivar a actividade agrícola en beneficio de 24 familias. A actuación, dotada con 10.000 euros a través do Fondo Galego, busca combater a inseguridade alimentaria e promover alternativas económicas lideradas por mulleres. Para facer fronte á seca, estase a instalar un sistema de microirrigación que aproveita a auga subterránea.
Nos vindeiros meses, o Concello de Nigrán continuará apoiando a agricultura sustentable noutras dúas comunidades de Tarrafal cun novo proxecto que tamén contará co apoio da AECID (Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento).
O alcalde, Juan González, subliñou o compromiso de Nigrán coa solidariedade internacional e destacou “a importancia de poñer o coñecemento técnico municipal ao servizo doutros pobos, xerando redes de cooperación e aprendizaxe compartida”.
O programa “Especialistas en Cooperar” forma parte da aposta do Fondo Galego pola cooperación técnica, e ao longo dos anos permitiu a participación de máis de 50 profesionais da administración local en países como Nicaragua, Perú, Mozambique ou o propio Cabo Verde.