Contos solidarios en Sabarís: presentación de “Os contos de Nigrán” este venres 23 de maio
Este venres, 23 de maio ás 18:30 h, a antiga praza de abastos de Sabarís acollerá a presentación do libro Os contos de Nigrán, unha nova obra infantil do escritor baionés Julio Villarino e o ilustrador fonsagradino Álvaro Gómez.
A obra, ambientada na contorna natural do Val Miñor, pretende achegar valores e conciencia social á infancia a través de relatos que abordan temas actuais como o acoso escolar ou os trastornos da conduta alimentaria. O acto será presentado polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña.
As ilustracións do libro, elaboradas por Álvaro Gómez —quen foi mestre no CEIP de Sabarís—, combinan técnicas como a fotografía tradicional e o modelado en plastilina, resultando nunha estética orixinal e chea de cor.
Con vocación solidaria, os autores destinarán a totalidade dos dereitos de autor á ONG viguesa Bicos de Papel, que traballa a prol das nenas e nenos con cancro. O libro está dispoñible en formato papel e dixital na plataforma Amazon.