O Concello de Baiona aporta os datos técnicos da finalización do porto deportivo.
A proposta busca non só mellorar os servizos náuticos, senón tamén abrir o espazo á cidadanía, integrando o porto coa vila e converténdoo nun punto de encontro para veciños e visitantes.
O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, reuniuse o pasado xoves 8 de maio con representantes da empresa náutica Nauplia e do ente Portos de Galicia para abordar a execución da primeira fase das actuacións previstas no Porto Deportivo de Baiona, referida ao recheo sobre a lámina de auga. Esta actuación está contemplada no Plan Especial de Ordenación do Porto de Baiona, aprobado no ano 2015 e publicado no BOPPO o 1 de xuño dese mesmo ano.
A execución da explanada suporá un incremento da superficie da plataforma en 4.649,44 m², acadando un total de 11.788,00 m², o que representa aproximadamente un 39 % da superficie total aprobada no plan especial do porto.
Os traballos iniciaranse a mediados de maio e prolongaranse ata o comezo da tempada estival no mes de xullo. A continuación, retomaranse no mes de setembro e continuarán ata a súa finalización no ano 2026, segundo se estipula no programa de execución coordinado co Concello de Baiona.
Co obxectivo de garantir a seguridade viaria e peonil, que aumenta significativamente durante o verán, o Concello puxo en marcha un plan de tráfico específico adaptado á situación. Queda pendente unha segunda fase, que contempla a construción e ordenación da plataforma de servizos.
Seguindo as directrices do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Concello tratou e definiu a operativa da actuación, recollida no “Informe de compatibilidade coa estratexia mariña” emitido en setembro de 2024.
Dentro do marco da actuación, deberán cumprirse integramente as dez esixencias recollidas no informe, con especial atención ás referentes á protección de especies incluídas no Real Decreto 139/2011 e na Lei 42/2007, á aplicación de medidas para evitar a turbidez e sedimentación en zonas sensibles, á correcta implementación do plan de vixilancia ambiental do proxecto, e ao cumprimento das condicións da Dirección Xeral de Biodiversidade en relación coa ZEPA ES0000554 “Corredor Migratorio Galaico-Cantábrico Occidental”, integrada na Rede Natura 2000.
Dende o Concello mantivéronse reunións con representantes da Asociación Náutica Bahía de Baiona, a Asociación de Usuarios do Porto Deportivo, a Asociación de Empresarios (ACEBA) e a Confraría de Pescadores, co fin de expoñer con total transparencia o alcance do proxecto. Estes encontros permitiron un intercambio aberto e directo de información, garantindo que todas as partes implicadas estean debidamente informadas.
O Concello de Baiona valora positivamente a ordenación das instalacións náutico-deportivas, ao considerar que a situación actual xera un impacto paisaxístico negativo sobre o litoral do municipio. Neste sentido, apóstase por un modelo de desenvolvemento respectuoso co entorno, baseado no cumprimento estrito das determinacións de protección ambiental, en liña cos principios do desenvolvemento sustentable e do crecemento azul que inspiran a acción de goberno local.