Gondomar

Arrinca en Gondomar a Festa da Empanada: sabor, ambiente e tradición durante toda a fin de semana

Gondomar énchese de sabor esta fin de semana coa celebración da Festa da Empanada, que arrinca hoxe venres e se prolongará ata o domingo. Un evento gastronómico que convida a veciñanza e visitantes a gozar dunha experiencia única nas terrazas, prazas e locais de hostalaría do municipio.

Por tan só catro euros, poderase degustar unha ración de empanada, preparada con esmero polos establecementos participantes, cada un cun toque especial e receitas propias que van dende os recheos máis tradicionais ata propostas máis innovadoras.

O alcalde Paco Ferreira anima a toda a cidadanía a achegarse a Gondomar para descubrir “non só o noso produto estrela, senón tamén o ambiente acolledor e a calidade da nosa hostalaría”.

Esta iniciativa, que xa é un clásico no calendario gastronómico local, busca dinamizar o sector hostaleiro e poñer en valor a riqueza culinaria do concello. “Porque Gondomar está de moda… e sabe mellor ca nunca”, sinalan dende a organización.