𝐀𝐬 𝐫ú𝐚 𝐏𝐢𝐪𝐮𝐞𝐭𝐞𝐬 𝐞 𝐨 𝐂𝐚𝐦𝐢ñ𝐨 𝐏𝐨𝐮𝐬𝐚𝐝𝐚, 𝐩𝐫𝐢𝐧𝐜𝐢𝐩𝐚𝐥 𝐞𝐢𝐱𝐨 𝐝𝐞 𝐦𝐞𝐥𝐥𝐨𝐫𝐚 𝐯𝐢𝐚𝐫𝐢𝐚 𝐞𝐧 𝐆𝐨𝐧𝐝𝐨𝐦𝐚𝐫 𝐠𝐫𝐚𝐳𝐚𝐬 𝐚 𝐮𝐧 𝐢𝐧𝐯𝐞𝐬𝐭𝐢𝐦𝐞𝐧𝐭𝐨 𝐝𝐚 𝐃𝐞𝐩𝐮𝐭𝐚𝐜𝐢𝐨́𝐧 𝐝𝐞 𝟏𝟖𝟎.𝟎𝟎𝟎 €.
O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou hoxe o concello para anunciar que este mesmo venres se aprobarán estes recursos, que son parte dos 780.000 € que Gondomar recibe ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia
Gondomar, 15 de maio de 2025. O deputado provincial Jesús Vázquez Almuíña visitou hoxe Gondomar, onde anunciou que a Deputación se encargará de financiar a primeira fase das obras de pavimentación e sinalización de varios camiños na contorna de diferentes núcleos rurais da parroquia de Gondomar. Farao a través dun investimento de 176.503 euros procedentes da liña 1 do Plan +Provincia, da que a Gondomar lle corresponden un total de 780.679 € neste 2025, que serán aprobados este mesmo venres na Xunta de Goberno do organismo provincial.
O deputado deu conta dos traballos que Gondomar levará a cabo grazas a estes recursos, cos que mellorará a rúa Antime (entre o núcleo de Piquetes e o da Estrada), o Camiño Pousada (no núcleo homónimo) e a rúa Pazo (entre o núcleo de Pousada e a Urbanización Miñor). En concreto, entre outras actuacións, procederase ao rozado e limpeza de vexetación en cunetas e marxes dos camiños, ao fresado de pavimento e arranxo de fochas, ao pintado de marcas viarias e á instalación de nova sinalización vertical.
Jesús Vázquez Almuíña lembrou que no 2025 Gondomar recibe máis de 1,1 millóns de euros a través das catro liñas do Plan +Provincia. Neste eido, o deputado enxalzou este programa que “é un exemplo da forma de actuar da Deputación, escoitando aos concellos e dando resposta ás súas necesidades”. Co +Provincia, concluíu Almuíña, “estamos a impulsar o avance das nosas vilas e pobos, a conseguir que esta provincia vaia a máis, con actuacións transformadoras como a que hoxe anunciamos en Gondomar, que modernizan o territorio e melloran a calidade de vida da veciñanza”.