Luis López insta a impulsar o cambio en Tomiño cun PP “máis forte e comprometido ca nunca”.
O presidente provincial do Partido Popular e da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo este domingo unha chamada clara ao traballo colectivo para construír unha alternativa sólida ao actual goberno municipal de Tomiño, encabezado polo BNG. Fíxoo no marco da reunión anual do PP local, celebrada no pavillón de Barrantes, nun acto que reuniu a máis de 200 afiliados e simpatizantes da formación.
López cualificou de “esgotado e sen rumbo” o executivo nacionalista, ao que acusou de “antepoñer intereses ideolóxicos á xestión real do concello”. Criticou, entre outros aspectos, a falta de mantemento en infraestruturas básicas, a desatención ás parroquias e a escasa resposta fronte a problemas cotiáns como a cobertura móbil ou as pragas de insectos. Tamén cuestionou a negativa do goberno local a avanzar no dragado do río Miño, “clave para o desenvolvemento sostible da zona”.
Fronte a isto, puxo en valor o traballo do grupo municipal popular con Mónica Otero á fronte, así como o liderado de Lara Meneses, presidenta local do PP e directora xeral de Xuventude da Xunta. “O PP de Tomiño deu un salto cualitativo nas últimas eleccións e está preparado para asumir responsabilidades de goberno en 2027”, asegurou.
Durante o acto, no que tamén participaron a secretaria xeral provincial, Luisa Piñeiro, e os deputados nacionais Irene Garrido e Juan Bayón, destacou o apoio da Deputación e da Xunta á vila, con proxectos clave como a finalización da Autovía do Baixo Miño, “fundamental para conectar Tomiño co futuro”.
López concluíu cunha mensaxe de ánimo á militancia: “Estamos máis preparados ca nunca para liderar o cambio que Tomiño precisa. E imos facelo con seriedade, con humildade e coas persoas no centro”.