O gondomareño Miguel Román entra por primeira vez nunha convocatoria de Liga co Celta
Miguel Román, centrocampista gondomareño do Celta Fortuna, foi convocado por primeira vez para un partido de Liga co primeiro equipo do RC Celta, que se enfrontará ao Sevilla FC este sábado 10 de maio ás 16:15 horas en Abanca Balaídos, na xornada 35 de LaLiga EA Sports.
O futbolista, que xa debutara co primeiro equipo en Copa do Rei, está a destacar esta tempada na Primeira RFEF, competición na que vén de ser elixido mellor xogador da última xornada tras anotar dous goles na goleada do filial fronte ao Osasuna Promesas en Balaídos. Ese dobrete reforzou a súa candidatura para dar o salto definitivo, e o técnico celeste Claudio Giráldez premiou o seu rendemento incluíndoo na lista de 24 convocados.
“Estou moi contento de ir adestrar co primeiro equipo e esperando a que me volvan chamar”, declarara Román tras o seu gran partido o pasado domingo. Hoxe mesmo repetiu sesión ás ordes de Giráldez, e finalmente formará parte do cadro dispoñible para o decisivo encontro ante o conxunto andaluz.
A pesar da forte competencia na súa posición, con xogadores como Fran Beltrán, Ilaix Moriba, Damián Rodríguez ou Hugo Sotelo, o ex do Pontevedra CF gañou protagonismo grazas ao seu bo facer no filial e presenta un perfil moi valorado polo corpo técnico.
Miguel Román, que leva meses sendo unha das pezas máis sólidas do Fortuna, ve así recoñecido o seu traballo e consolida o seu nome como unha opción de presente e de futuro para o primeiro equipo celeste.
