Tomiño

Violeta de Santiago, elixida secretaria do Medio Rural na nova executiva do PSdeG de Pontevedra

A voceira socialista no Concello de Tomiño, Violeta de Santiago, foi nomeada Secretaria do Medio Rural na nova Comisión Executiva do PSdeG de Pontevedra, conformada no V Congreso Provincial celebrado onte no Pazo da Cultura de Pontevedra. O congreso reafirmou a confianza no Secretario Xeral David Regades, evidenciando a unidade e o espírito fraternal dos socialistas da provincia.

A Agrupación Municipal do PSdeG de Tomiño trasladou publicamente a súa felicitación á compañeira, amosando a satisfacción polo nomeamento e destacando que se trata dun recoñecemento merecido ao seu compromiso, traballo e adicación ao longo dos anos, defendendo os valores dun partido centrado nas persoas e no ben común.

“Quero agradecer á miña Agrupación o apoio incondicional que sempre me brinda, así como ao noso Secretario Xeral, David Regades, pola confianza depositada en min. Asumo o nomeamento con ilusión e responsabilidade. Porei todo o meu empeño para desenvolver políticas que poñan en valor o noso Medio Rural, tan abandoado pola Xunta de Galicia. Estou á disposición de todas as agrupacións da provincia para traballar e defender un rural vivo, sustentable e xerador de oportunidades de futuro para todas e todos”, declarou Violeta de Santiago.