Tomiño renovará 86 puntos de luz en catro lugares do municipio grazas ao apoio da Deputación
O Concello de Tomiño verá mellorada a súa iluminación exterior grazas a un proxecto aprobado pola Deputación de Pontevedra, cun orzamento de preto de 45.000 euros. A actuación enmárcase dentro do programa DUS 5000, financiado ao 85% con fondos europeos NextGeneration, mentres que a Deputación asumirá o 8% e o Concello o 7% restante.
En total, substituiranse 86 puntos de luz nos lugares da Gandariña, Sobrada, O Monte e A Estrada por luminarias LED de última xeración, que permitirán reducir o consumo enerxético e avanzar cara a un modelo de xestión máis sostible e eficiente.
O presidente provincial, Luis López, destacou que estas actuacións responden ao obxectivo de mellorar os servizos municipais e afondar nun novo modelo enerxético “da man dos concellos e ao servizo da veciñanza”.