Gondomar vive a paixón do fútbol base cos torneos de Semana Santa do Gondomar Fútbol Base e do Gondomar C.F.
O Concello de Gondomar acolle esta semana dúas grandes citas deportivas co gallo das vacacións escolares: os Torneos de Semana Santa organizados polo Gondomar Fútbol Base e polo Gondomar Club de Fútbol.
Ambos eventos reúnen no Campo Municipal As Cercas e nas Gaiandas a centos de nenos e nenas das categorías prebenxamín, benxamín e alevín, convertendo a vila nun auténtico punto de encontro para o fútbol formativo da comarca.
O torneo do Gondomar Fútbol Base arrancou o xoves 17 e continuará o venres 18 e o sábado 19. Máis alá da competición, os pequenos participan nunha auténtica festa do deporte, onde se poñen en valor o compañeirismo, o respecto e a convivencia entre clubs e familias.
A organización repartirá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, así como recoñecementos ao mellor xogador e ao mellor porteiro, sen esquecer as medallas para todos os participantes.
Paralelamente, o Gondomar Club de Fútbol tamén celebra o seu propio torneo de Semana Santa durante os mesmos días con 20 clubs participantes entre os que se encontran varios do Val Miñor como o ED Val Miñor, o CCD Chain, o Vilariño e CD Vincios.
Desde o goberno local que colabora nos dous eventos, sinalan que estes torneos xa forman parte esencial do calendario deportivo da comarca.