o concello de nigrán habilitará este verán unha área de servizo gratuíta para caravanas en porto do molle, única na comarca
Nigrán contará este verán cunha área de servizo pública e gratuíta para caravanas en Porto do Molle, a primeira destas características na comarca do Val Miñor. O Concello habilitará dúas prazas no aparcadoiro situado entre as rúas Xial e Barreira —a carón do Centro Comercial Nasas, do futuro centro de maiores e do skatepark— como puntos de vaciado de augas negras (inodoros) e grises (duchas ou fregadoiros).
A medida responde ao crecente auxe do turismo de caravanas, especialmente tras a pandemia, e busca ofrecer un servizo esencial de maneira sostible e ordenada. Ademais, esta localización estratéxica será tamén o punto de saída do Nigranbus de praia este verán.
“O lugar elixiuse pensando na comodidade dos usuarios: poden baleirar augas, aparcar á sombra, ir á praia ou facer compras a un paso”, destaca o alcalde Juan González, quen subliña que a intención do goberno local é atraer este tipo de turismo cunha atención de calidade e respectuosa co medio ambiente.
Desde 2020, o Concello regula o aparcadoiro de caravanas na primeira liña de costa con 30 prazas repartidas en Praia América, Panxón, Patos e Cansadoura. Fóra destes espazos sinalizados, as caravanas poden aparcar nos mesmos lugares que os coches. Por iso, esta nova área en Porto do Molle representa unha alternativa cómoda e legal para os caravanistas durante os meses de verán.