Últimas Noticias

O adiós a Sargadelos: pecha a emblemática cerámica galega tras dous séculos de historia

O grupo Sargadelos, unha das marcas máis icónicas da artesanía galega, pon fin á súa traxectoria bicentenaria cun peche abrupto das súas fábricas en Cervo e Sada.

A decisión, tomada polo seu propietario, Segismundo García, responde, segundo el, á “asfixia burocrática” que impide a continuidade do proxecto.

O anuncio cae como un xerro de auga fría sobre os douscentos traballadores da empresa e sobre toda Galicia, que ve desaparecer unha parte do seu patrimonio cultural e industrial. A pesar da boa situación económica da compañía, García denuncia que as constantes inspeccións e esixencias normativas fixeron que manter Sargadelos sexa “inxustificable”.

Na súa carta á Inspección de Traballo, critica a presión administrativa e os trámites interminables que supoñen calquera reforma ou adaptación das súas instalacións, que son Ben de Interese Cultural. “Non podemos seguir así, o único que podemos facer é pechar”, conclúe.

Este peche supón moito máis que a perda dunha empresa: é o adeus a unha parte da identidade de Galicia. Sargadelos non só producía cerámica, senón que representaba unha ligazón coa historia, a arte e a tradición do país. Hoxe, Galicia despídese dun emblema que sobreviviu guerras, crises e tempos difíciles, pero non á burocracia.