Gondomar aposta pola eficiencia hídrica e moderniza a súa rede de abastecemento cunha plataforma intelixente.
Gondomar aposta pola eficiencia hídrica e moderniza a súa rede de abastecemento cunha plataforma intelixente
O Concello de Gondomar impulsa un ambicioso proxecto de dixitalización da xestión da auga, cun investimento superior aos 493.000 euros, financiado a través do PERTE de dixitalización do ciclo da auga do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO). O obxectivo principal é modernizar e optimizar o uso dos recursos hídricos, garantindo un servizo máis eficiente e sostible para a veciñanza.
A iniciativa inclúe a implantación dunha plataforma dixital intelixente que permitirá monitorizar en tempo real o ciclo da auga, facilitando a detección de incidencias e a optimización do abastecemento e saneamento. Ademais, instalaranse sensores en puntos clave da rede, como a captación, o depósito de Donas e a ETAP, para medir parámetros como caudal, cloro, pH e turbidez.
Outro dos avances máis significativos será a implementación da telelectura en 3.000 abonados, permitindo un control máis preciso do consumo e a detección inmediata de fugas ou anomalías. Así mesmo, actualizarase o Plan de Emerxencia ante Situacións de Seca, reforzando a capacidade de resposta do municipio ante períodos de escaseza de auga.
Con esta aposta estratéxica, Gondomar colócase á vangarda da xestión hídrica en Galicia.