O alcalde de Nigrán dálle a benvida ao seu homólogo de Tarrafal na súa visita a Galicia
O alcalde de Nigrán, Juan González, recibiu ao seu homólogo de Tarrafal (Cabo Verde), José dos Reis, e ao edil Osvaldo Chantre no inicio da súa visita a Galicia.
Esta viaxe enmárcase dentro dun proxecto de cooperación internacional impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que González é presidente, e permitirá aos representantes caboverdianos coñecer iniciativas de desenvolvemento local en diferentes concellos galegos.
Durante a súa estancia en Nigrán, percorreron a Biblioteca Municipal, a cociña escolar do CEIP Humberto Juanes, a fábrica de cervexas Banda e o parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas’. Ademais, asinouse no Libro de Honra e acordouse traballar nun futuro irmandamento entre ambos municipios.
A delegación de Tarrafal visitará ata o 31 de marzo unha decena de concellos galegos para coñecer proxectos relacionados coa sustentabilidade, a economía local e a cooperación. A axenda inclúe visitas a iniciativas agrícolas, pesqueiras e empresariais, así como a presentación do proxecto de desenvolvemento económico local de Tarrafal na Asemblea Xeral do Fondo Galego.