os traballadores do lixo en nigrán, fartos de anos sen regularizar os seus salarios
A Anulación dos pregos do servizo de recollida de residuos en Nigrán non só atrasou a nova contratación, senón que mantén nunha situación de precariedade aos traballadores da concesionaria, que levan case catro anos con soldos conxelados.
A falta de avances e solucións por parte do Concello xerou un profundo malestar entre o persoal, que xa pensa en tomar algún tipo de acción para facer visible a súa situación.
Desde a finalización do contrato en 2020, a prórroga do servizo deixou aos empregados sen melloras salariais nin laborais. A anulación do proceso de contratación supuxo un novo golpe para eles, xa que atrasa aínda máis a posibilidade de ver regularizados os seus dereitos. “Levamos anos traballando igual, mentres todo sobe e a nosa situación non cambia. Xa non sabemos canto tempo máis imos ter que aguantar así”, lamentan algúns dos afectados.
O malestar entre os traballadores vai en aumento, e moitos consideran que chegou o momento de facerse escoitar.
A incerteza sobre o futuro do servizo, sumada á falta de resposta por parte da administración, pon en risco tanto as súas condicións laborais como a calidade do servizo que prestan á veciñanza.